No país das vacas

A Estrada é unha comarca de vacas, ben o sabemos. En xeral Galicia é unha terra de vacas. E éste é un libro sobre vacas, e como non pode ser doutro xeito, unha obriga que unha libraría de A Estrada recomende un libro sobre un animal que, para nós, foi case tan sagrado como o foi na India. As vacas daban os tenreiros que alimentaban ás familias, o leite de todos os almorzos, a forza motora para labrar os campos cando non tiñamos nin tractores. As vacas eran toda a vida dos galegos do rural antes da revolución industrial, que aquí aconteceu nos anos sesenta. E segue sendo boa parte da vida posterior.

Sinopse:

«Dende hai séculos asóciase a imaxe da vaca a Galicia, pero pouco sabemos do mundo que se desenvolve arredor deste animal. Hoxe a vaca é a columna vertebral do medio rural en Galicia. As 450.000 vacas das 14.000 granxas producen 2,3 millóns de toneladas de leite por ano (o 32% da produción estatal), datos que fan de Galicia a primeira potencia leiteira española.

Este libro, No país das vacas do fotógrafo Xurxo Lobato, quere ser un tributo visual á vaca, explicar como vive, de que vive e quen vive dela. Pretende dar a coñecer visualmente a tecnoloxía aplicada nas granxas, a variedade de razas autóctonas, a industria láctea e da carne, a gastronomía ou presentar como as vacas son obxecto de estudo na universidade. Ademais, o libro pretende presentar as representacións iconográficas onde aparece a vaca, dende o baixorrelevo romano atopado en Becerreá ao cartel de Castelao na campaña a favor da Autonomía; dende as esculturas de Asorey ás cerámicas de Seoane e pinturas de Laxeiro, pasando polo seu protagonismo na literatura galega ou nos programas de televisión.

O libro inclúe, tamén, dous ensaios moi clarificadores e divulgativos, os do catedrático Lourenzo Fernández Prieto («Inventando a vaca: do reino das rubias ao reino das pintas»), que aborda o aspecto histórico; e do xornalista Julián Rodríguez («Moita máis luz que sombras»), que achega os datos económicos básicos sobre a actual situación do sector. Ademais, acompañando as fotos e aos ensaios, diversos testemuños escritos protagonizan a mirada plural de como ven a vaca representantes de sectores sociais moi distintos. Uns dende a complicidade de quen convive con elas e outros dende a nostalxia da súa nenez ou dende unha visión urbana.

Un libro fermoso e poliédrico que aspira a que os seus lectores e lectoras coñezan un pouco mellor o país das vacas, a súa importancia na sociedade galega, mesmo para chegar a converter a vaca nunha das iconas da nosa identidade do século XXI.»

https://www.libreriafaro.com/es/libro/no-pais-das-vacas_G873840006

Más Historias Faro